Thursday 02 de May de 2024

Portos de Galicia recolleu máis de 26.000 quilos de residuos dos fondos mariños dos peiraos da Costa Cantábrica


O ente público vén de rematar unha nova edición do plan de limpeza de dársenas na Zona Norte con actuacións en Ribadeo, Burela, Celeiro-Viveiro, Cariño, Cedeira e O Barqueiro

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, recolleu ao longo das últimas semanas máis de 26.000 quilos de residuos dos fondos mariños da costa Cantábrica das provincias da Coruña e Lugo. Así o recolle o informe do organismo portuario de balance das actuacións de limpeza desenvolvidas polo departamento administrativo da Zona Norte do ente público.

Estas actuacións enmárcanse na sexta fase do plan de limpeza de dársenas que o ente público desenvolve anualmente nas tres provincias costeiras e que este ano na costa Cantábrica tivo lugar nos portos de Ribadeo, Burela, Celeiro-Viveiro, Cariño, Cedeira e O Barqueiro. Dito plan desenvólvese de xeito periódico co obxecto de acadar peiraos máis sustentables desde o punto de vista ambiental. Ademais, nalgúns destes casos as tarefas de limpeza combináronse coa revisión de estruturas flotantes con medios submarinos, aproveitando así esta actuación para diversificar traballos.

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, destaca que a experiencia acumulada nos anos anteriores “indicábanos a necesidade de continuar con esta iniciativa que permite retirar dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar”. Así mesmo recalca que esta actuación “mellora a seguridade nas augas interiores e impulsa a protección da fauna mariña, que pode ser afectada pola acumulación de residuos”.

A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto, ben entendido que non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.

O equipo de traballo que se encarga da limpeza nas dársenas está formado por entre 3 e 5 mergulladores e como medios mecánicos contan cun barco con grúa. Ademais as actuacións están coordinadas en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que ten preparados os contedores para o depósito dos residuos e a xestión selectiva.

Nas limpezas realizadas este ano na Zona Norte, correspondente coa costa Cantábrica, recolléronse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos e ata troncos de grandes dimensións. Por peiraos, en Ribadeo recolléronse 7.000 quilos de residuos, no Barqueiro 1.500, en Cedeira 6.000, en Celeiro 2.000, en Burela 5.000 e en Cariño, 4.500.

Aínda que os traballos desta edición de limpeza de dársenas na Zona Norte xa remataron, o ente dependente da Consellería do Mar estuda a posibilidade de desenvolver unha nova fase desta acción para dar resposta ás numerosas solicitudes recibidas nas últimas semanas de retirada de máis residuos presentes nos fondos dos peiraos.